BERLÍN… A CIDADE DA LIBERDADE

En 1991 namoreime de Berlín, e de todo o que significa. Unha cidade na que a súa metade  espertaba dun mal soño de décadas que a dividiu en dous, co muro da infamia, que tentaba honrar ós asasinados intentando saltalo para escapar da ditadura comunista ou simplemente para reencontrarse cos seus. Contei moitas veces que foi a única cidade que me fixo chorar… Aconteceu ao chegar á altura do Bundestag e ver as cruces en memoria dos asasinados no intento de escapar. Facía un ano da caída do muro, todo estaba tan fresco, tanto que un podía ir ao muro e arrancar un anaco daquela historia e traelo na maleta xunto a un “bopo” (o gorro militar de orelleiras, formalmente denominado budiónoyka, que lle cambiei a un soldado por uns vaqueiros Wrangler). Gorro que os militares da ex zona soviética vendían a calquera prezo coas medallas, reloxos… Logo virían os bopos de imitación e ate os anacos con selo “DIE MAUER ORIGINAL” do muro… de sabe Dios que muro. A miña profesión xornalística levoume daquela a medio mundo, nesa ocasión acompañando ao recentemente elixido Presidente da Xunta, Manuel Fraga á presentación da Semana Verde de Galicia na Grüne Woche berlinesa.

Xaneiro do 91 foi especial, como o foi xusto un ano despois o olímpico e o pre- Xacobeo. Volta a Berlín, na mesma feira agro – industrial. A Grüne Woche acolleu a posta de largo (e ate a búsqueda de provedor local para a fabricación da botella azul, ata daquela feitas as primeiras en Portugal a prezo de artesán) da que logo sairía a afamada marca Mar de Frades. Estreaba etapa profesional, e a miña nova tarefa de “comunicador empresarial”, que hoxe me segue a ocupar e encher de alegrías. Acompañei ao entón propietario, Eladio Piñeiro, e organicei para a adega os primeiros pasos internacionais de presentación da botella azul… dun dos máis singulares viños galegos e auténtica lección de marketing dunha pequena adega (40.000 botellas esa tempada). Berlín seguía a namorarme, e logo do traballo houbo tempo para museos, ópera… Berlín Mite e o Tiergarten, coa zona vella de Compostela e o Madrid dos Austrias…  marcaron una parte da vida daquel comunicador case imberbe.

Case vinte nove anos despois volvo ás beiras do Spree, no que tamén morreron moitos alemáns do leste buscando a liberdade do oeste. Quizais buscando a liberdade que perfuma Berlín, quizais para vivir un novo namoramento de Berlín, ou mellor dunha filla da “cidade tótem”.

Volverei a entrar na St Hedwigs – Kathedrale (a abraiarme coa sonoridade), a camiñar baixo o tilos, a visitar cada un dos museos da illa, a Porta, o Reichtagsgebäude e a igrexa do Kaiser Wilhelm, saudar a Nefertiti…  e desta volta sumar a visita obrigada ao Alte Nationalgalerie, onde outro lalinense (o pintor Antón Lamazares) descubriu a David Friedrich…

Disque agora xa case non hai “trabis” nin escaravellos polas rúas, a “nova capital” ocupou algún dos grandes espazos abertos do centro… pero osos e os Appelman aparecen en cada esquina e recordan a propios e foráneos que un está na cidade da liberdade. Esa que xa non precisa Checkpoint Charlie (único punto ao que seguirei sen ir). É a mesma que descubrín hai case tres décadas, e agora resucito con “páixão”.